Produciuse un erro neste gadget

8.11.13

POST MORTEM

Ela nunca soubera do ser nin do etérea que resulta a realidade inscrita nun taboleiro de xadrez, independentemente do xogador que mova peón. Así, por ficción, o reflexo del era o que a ollaba agora dende o vidro, namentres agardaba a chegada do vórtice da existencia. 
Da propia. Que a allea xa facía horas que caera.

El nunca soubera da capacidade de determinación dela sostendo un coitelo na man. A el nunca lle pertenceran nin o nome nin, moito menos, a súa integridade como muller. Era por iso polo que a carraxe tornara xénese da razón que a impulsara á decisión e, amais, motivo polo cal o corpo del (e non o dela) ficaba frío e inmóbil sobre o solo. Sorrindo. Que para el sempre foran risas os laios dos demais, mesmo no momento no que expirou tendido. Sendo consciente, na morte, da vitoria final. Porque, aínda que non conseguira suprimila en vida, non ignorou que o faría post mortem.

O baleiro non resultara ser o suficientemente grande para soster o peso do crime cometido xunto co da coitela inserida no peito del dentro da conciencia dela nin para calar a gargallada coa que el sempre a soterraba. Coa que el sempre a fundía cada vez que botaba por terra os anhelos da ledicia de ser vítima da inocencia. Única ignorancia útil.

El sempre fixera chover nos papeis, rompendo a humidade as verdades escritas nas que se crera nena e sendo por iso polo que, cíclica, lle fora obriga reintegrarse en si mesma. Recollerse peza a peza.

Como así outras veces, hoxe tamén sería complicado de máis volver ser cohesión dos anacos que lle restaban. Malia a sorte del non ter sido outra que a de pagar polo tempo que a estivera matando interiormente, a dela tampouco distaba desa. ‘O monstro morre, a auga molla, a terra tapa e a ausencia énchese’, repetíase a si mesma dunha e outra volta coa man esquerda tinxida en sangue. Ela sabíao antes de que chegara o furgón policial. Sabía que o ingrávido das reixas só lle afecta a uns poucos.

Aos que a xustiza mira e non ve.





Ningún comentario:

Publicar un comentario