7.8.18

a casa vella


dentro
non hai cousas que nos recorden.

a memoria toda
repousa, unicamente,
no debuxo da pedra;
no frío do silencio
que move as contras en agosto.

*

a casa vella non é un lugar.
a casa vella é
a xente que a deixou baleira.

*

cada vez que abro esta porta
sei que o que chamamos fogar é,
en realidade,
a xente que nos habita.




4.4.18

novo alento


Non sabía como chegara alí nin estivera antes en semellante lugar. Malia o barullo do asedio, dunha ollada puido distinguir unha mesa entre as paredes do cuarto. Viu como alguén deixaba un caderno sobre ela. Cando a sombra abandonou a estancia, achegouse e mirou nas follas. Só un interrogante ocupando a primeira páxina.

Das cicatrices daquela noite recordaba poucas cousas. O golpe fora tan forte que a amnesia erguera un muro de pedra na memoria. Alguén asaltara os depósitos da fala, deixando anacos de historia ciscados polo chan. Buscárase letra a letra no desastre, pero non sabía explicar que pasara. Era difícil dilucidar sen palabras. Porque llas roubaran todas. Ou case todas. Nun acto reflexo, botou unha man ao peito. Por sorte, esqueceran que un pobo sempre leva pendurada do corazón a gramática da liberdade.

*

Cando a sombra regresou ao cuarto, a ausencia enchía o baleiro. Nin caderno nin refén. Só unha folla descansaba agora sobre a mesa. Alguén a colleu con carraxe para apenas ler tres caracteres. Un “NÓS” respondía ao interrogante. O suxeito acababa de desatar as alarmas. Coa conciencia e o papel sobre o que seguir escribíndose, xa non podían privalo da identidade.



6.2.18

apnea


non gardamos silencio;
o silencio gárdanos.

*

durmir no desastre
é difícil cando
a humidade corroe
o corpo
e abre nel as feridas do inverno.

o frío,
presaxio da guerra.
enfermidade.

tantas veces
o silencio
é a arma
que aprovisiona.