23.4.11

ad libitum


neste silencio
un quebrado momento
con concorrentes sonfonías
que viven sen son exento.
tic, tac
cada susurro priva do absurdo baleiro
ao espazo infindo,
trocando intres no reino. 
tic, tac
sentimentos,
só simples confesións
de inocencia.
soños, sorrisos.
propio xogo de emocións.
tic, tac 
espírito subxectivo por murmurios condicionado.
derrétese a eternidade no doce refrán xeado. 
tic,
de súpeto
silencio,
rompen os reflexos na mente.            
tac.

preme de novo o máxico.
fai do real
algo inexistente.


remordementos


premio narrativa CPI Cernadas de Castro, 2009.

Luns
Viño, cervexas, viño, cervexas… Que me ocorre? Non podo matinar noutra cousa? Poida que a miña situación sexa algo desesperante pero non podo seguir así. Ai, deus! Rúas de Santiago cheas de sangue pola miña culpa. Que fixen! Como llo conto eu agora a Sara máis ás rapazas? Sei que non vou poder ocultalo durante moito máis tempo; sinto que aínda me observa, sendo a miña mente un feixe de remordementos. Suicidio? Non, esa non pode ser a mellor solución.
Martes
Só un día e no meu interior case unha eternidade. Quen son eu para quitarlle a vida a alguén? Quizais un asasino, tal vez un borracho… Non, Carlos. Non. Pensándoo ben non bebera tanto. Só tres, catro, cinco… Merda. Máis de seis. Claro, o patrón convida a uns tintos e o parvo de min séguelle a corrente! E para que? Para nada, que do paro non me libro. Aínda me lembro da primeira vez no Gran Sol, vaia peixes pescamos alá. E agora, logo de máis de trinta anos…
Mércores
Xa pasaron dous días e ninguén pregunta por el. Poida que para a miña sorte só se tratase dun vagabundo, sen familia, sen posibilidade de seren agora os seus fillos orfos. Non. Seguro que non. Era raro que alguén así levase enriba dez mil euros. Quizais debín desde o principio chamar á policía, pero estando morto… Non tardará en saír nos medios algunha nova co fin de nomear un culpable, alguén coma min capaz de cometer tal atrocidade. Xa imaxino á rapaza do telexornal dicindo "Carlos Carballo, veciño de Santiago, atropela na rúa San Pedro a un peón. Conducía baixo os efectos do alcohol e ademais, agochou o corpo no seu automóbil. O xuíz poralle unha condena de máis de quince anos...".
Xoves
Hoxe Sara notoume nervioso. Preguntoume se me acontecera algo no traballo, pero foime imposible contarlle que o Quitín me mandara ao paro. Debín dicirllo, mais a miña cabeza non matinaba precisamente na situación económica, senón no que iba facer co corpo daquel home, agora xa a piques de podrecer no maleteiro do Focus. Sei que non vou poder ocultalo durante moito máis tempo, pero non teño o valor de contarllo a ninguén. Catro días de inmensa tortura neste inferno.
Venres
Fun quen de saír á rúa. Chovía. Dirixinme ao supermercado para mercar o pan. Milleiros de ollos observándome, sen saber para quen ficaban a mirar. Que pensarían de min se soubesen o que fixen? Poida que nin Sara me dirixise a palabra. Cheguei á casa. Ela estaba alí, na cociña, tan fermosa coma sempre. Estaba vendo o telexornal, e algo percorreu o meu interior cando se dirixiu a min. Agora suspiro tranquilo sabendo que só me veu dicir que xa cesaran os roubos nas sucursais de Caixa Galicia. Quizais o ladrón xa se fixera rico dabondo.
Sábado
Cales serían os seus motivos? Que razóns o impulsaron a dirixirse ao caixeiro e deixalo desfeito? Seguro que a crise tamén lle afectara, deixándoo sen traballo coma moitos outros. Quen sabe. Igual un día serei eu quen o faga; espero non rematar coma el. Agora estaba no meu coche. Hoxe fun quen de, por vez primeira, abrir o maleteiro. Mireino á cara. Ficaba quieto. Era un home duns trinta anos, metro setenta, que probablemente estragara a súa vida coa bebida, pois aínda era posible distinguir o olor a ribeiro no medio de tal peste a morto. Abrín a bolsa que levaba con el o luns. Intactos, dez mil euros. Si, era o home do que falaban os medios de comunicación.
Domingo
Sara hoxe colleu o coche de liña para ir visitar as rapazas. Erguinme cedo e fun no Focus ata as aforas de Santiago. Alí, inconscientemente, deixei tirado o corpo coas súas pertenzas. Estou seguro de non ter sido esa a mellor solución, pero o medo invasor obrigoume. Subín ó coche e, dirección ao piso, acendín a radio. Nas noticias preguntábanse cal sería a próxima sucursal que desvalixaría, que estaría tramando, ignorantes aínda do que fora o seu destino.
Luns
Esta mañá sóubose a nova do paro. Sara, optimista coma sempre, fixo que unha raiola de sol asomase entre a treboada do meu interior. Seguro que xa se fixera á idea de procurar un novo traballo, mais nestes tempos sería practicamente imposíbel. Aínda cos meus feitos roldándome na cabeza o día parecía ir calmo ata a hora da cea. “Home branco, duns trinta anos é atopado por unha veciña do Milladoiro. A autopsia realizaráselle mañá, indicando as causas do falecemento”, dixo finalmente a moza da Galega. Tarde ou cedo o momento ía chegar. Poida que para algúns sexa un heroe, para moitos un asasino ademais de covarde. Para min, nunca máis Carlos Carballo.

21.4.11

vínculo estelar, que dirías ti


aínda conservo a musicalité 
dos caramelos de menta e eucalipto 
que envolvías con ilusión en papel esmeralda 
para mollalos logo
en azucre e sorrisos 
nesa tarde en que o mercurio derreterá por afán 
e na que,

ese vínculo coa realidade
estelar,

fará chover chocolate na beirarúa.


en decadencia


oh,
so it's back to pretending
we're human again?

*

daquela
tentarás liberarme
das dagas da insensibilidade
a través dun abismo
de abstinencia?

eu só pregunto.


20.4.11

osixenación cerebral


non prendas
lume á caixa de mistos
antes de que o último
torne cinza os soños
que garda o silencio do porvir,
aqueles que as tebras cubriron
no armario de perchas ionizantes.

para que logo digas que es ti
quen simpatiza coas ánimas do tempo
que non atravesan os cristais empañados polas bágoas.

limítate a ocultarme detrás dos cartóns das follas de libreiro,
esas con cheiro a misto integral,

coma os copos de millo do almorzo do 98.


Chema Madoz 


arduo


coido
que optaches por te converter
nun deses lepidópteros radioactivos
afogados en zume de laranxa.

din que chove,
mais só vexo auga
derreténdose en po,

camiño da discordia.

19.4.11

a orixe


inconfundíbel o cheiro a choiva
que tinxe o papel pautado
a base de badaladas de titanio.

maldigo a persistencia retiniana
que gustaches denominar efecto φ.

por que os sentimentos con azucre
son máis amargos que os Sugus cor púrpura?

lembras os barcos de papel
que mamá afogara no vaso de auga?

agora parten en dous a súa consistencia
por termos soñado cos cráteres da lúa,
que cuadricularon as reixas dos teus iris.