7.8.18

a casa vella


dentro
non hai cousas que nos recorden.

a memoria toda
repousa, unicamente,
no debuxo da pedra;
no frío do silencio
que move as contras en agosto.

*

a casa vella non é un lugar.
a casa vella é
a xente que a deixou baleira.

*

cada vez que abro esta porta
sei que o que chamamos fogar é,
en realidade,
a xente que nos habita.




4.4.18

novo alento


Non sabía como chegara alí nin estivera antes en semellante lugar. Malia o barullo do asedio, dunha ollada puido distinguir unha mesa entre as paredes do cuarto. Viu como alguén deixaba un caderno sobre ela. Cando a sombra abandonou a estancia, achegouse e mirou nas follas. Só un interrogante ocupando a primeira páxina.

Das cicatrices daquela noite recordaba poucas cousas. O golpe fora tan forte que a amnesia erguera un muro de pedra na memoria. Alguén asaltara os depósitos da fala, deixando anacos de historia ciscados polo chan. Buscárase letra a letra no desastre, pero non sabía explicar que pasara. Era difícil dilucidar sen palabras. Porque llas roubaran todas. Ou case todas. Nun acto reflexo, botou unha man ao peito. Por sorte, esqueceran que un pobo sempre leva pendurada do corazón a gramática da liberdade.

*

Cando a sombra regresou ao cuarto, a ausencia enchía o baleiro. Nin caderno nin refén. Só unha folla descansaba agora sobre a mesa. Alguén a colleu con carraxe para apenas ler tres caracteres. Un “NÓS” respondía ao interrogante. O suxeito acababa de desatar as alarmas. Coa conciencia e o papel sobre o que seguir escribíndose, xa non podían privalo da identidade.



6.2.18

apnea


non gardamos silencio;
o silencio gárdanos.

*

durmir no desastre
é difícil cando
a humidade corroe
o corpo
e abre nel as feridas do inverno.

o frío,
presaxio da guerra.
enfermidade.

tantas veces
o silencio
é a arma
que aprovisiona.



3.9.17

a onde ir


recordar los finales 

no nos deja imaginar
cómo sería empezar. Mikel Izal. 


*

somos a colisión
das liñas de fuga,
a converxencia do espazo
na distancia.
somos a espera
e a proclama do cambio,
resistencia
e silencio.

es ti?

se o es,
conta os quilómetros e,
se me oes,
vérsame na puntualidade.
eu póñonos voz
cando a distancia é o camiño
que nos leva

a calquera outra parte.

*

o espazo é relativo
cando o cambio é a distancia 
que nos une.

canto camiño levas andado pensando o mesmo ca min? 



17.4.17

depósito lingüístico


responder
o baleiro do significante
con cada un dos complementos,

escribir
a gramática que nos estuda
na concordancia de número,

e ser
na primeira forma do plural
en ausencia de posesivos.

*

sen sequera saberte,
tárdanme os adverbios.




14.10.15

menos cuarto


é violento escoitar falar do tempo.
vivir na espera que mata o momento.

a esperanza aínda non deixou de ser a corda

que nos arrastra pola merda.

ás veces esperamos ata o punto

de esquecer o violento que é
vivir na violencia do momento
en que esperar é o xeito de enganar o tempo.

de esquecer o tempo.
de matar o tempo.


9.7.15

intersección


hai días en que mido o tempo en distancias:
hoxe, 50km separáronme de onte.

*

mentres o peor dos días é que pasan,
o peor dos límites é que non existen.
tan só a crenza neles nos separa de mañá.


18.2.15

de cando Magritte escribe


isto non é poesía.

isto son as fillas paridas das entrañas.
fillas que saen de dentro, da caverna;
daló do fondo da eminente sinceridade
que berra.
fillas que berran e choran nadas
a dor dunha nai.

nunca tiven espírito de nai.
nunca souben calmar.
por iso,
isto non é verdadeira poesía.

isto son enxendros cuspidos.
isto non é o amor da nai, senón
a raiba do parto
con todas
e
cada
unha
das
súas
letras.


3.2.15

a propósito da memoria


ser ninguén e ser alguén.
descoñecerme.
ser outra e ser eu.

véxome lonxe, indistinta,
camiño seguindo o compás dun tempo que non é.
eu e ninguén máis.
pero esperto.

esperto sen zapatos,
na cama,
cun peso da man mentres camiño por corredores moles.
a diferenza do camiño,
o corredor está delimitado.
hai un desnivel.
súboo
e as dimensións redúcense a un cuarto.
as arestas están marcadas no cubo.
chaman á porta
pero non hai saída.

sen sinal. o teléfono comunica.

nin decimal nin pautado;
o espazo non entendía de lindes.
ollo as mans e sosteño un papel.
un papel?
por que cona teño un papel?
eu só estou aquí polo billete.
a miña man polo billete.

o corredor está delimitado.
hai un desnivel.
baixo os chanzos e distingo as coordenadas.
aí a está,
na miña man,
a evidencia empírica do fraude.
Welles mentiume.
marchou e eu fuxo na súa procura.
sigo os seus pasos,
sucos nas dedas.
míntome na miña procura.
non herdarei o seu lugar a carón das liñas, non.

por iso as traspaso.
traspásoas e caio.

caio na conta de que non hai maior fraude
ca enganarse a un mesmo.
ca mentir cando somos conscientes
da verdade
de ser conscientes
de non ser nós por vontade.

de covardes non era fuxir.
de covardes era querer e non facelo.
son covarde cando sigo aquí polo billete.
o meu nome polo billete.
ulo papel?

o corredor está delimitado.
hai un desnivel.
boto a correr e hai un desnivel.
cona!
súboo e as dimensións desaparecen.
hai alguén.
recoñézome.
son eu rachando cos lindes da realidade.
do papel.
fágome verdade.
non minto cando me debuxo dun trazo
na liña do horizonte.
disípome máis alá dos nomes.
achégome ao infindo
e sigo as voces.

liña ocupada.
merda.
son as 9.45h.
esperto.

esperto sen zapatos e non,
non era esquizofrenia.
eran as sabas.
a luz que atravesa as contras.
a necesidade de expresar e a obriga de non facelo.
non era Welles,
era miña nai que berraba do outro lado da porta.
- érguete, cona!

xa vai, mamá.
cinco minutos máis.

cinco minutos máis
para soster o billete,
para recordarme eterna.
que o recordo ten de bo
que xorde na ausencia.


29.1.15

confesións en directo


hoxe obrigáronme a escribir. 
preguntáronme quen son. 
que fago. 
que por que non falo.

interrogáronme 
letra a letra 
na procura do método.

só fun roubar palabras.
non escribín nada.
só volvín á casa coas da lista da compra.
non quedaban cadernos de frases.

que fas, que non falas?
repetíanme
na procura do método.

non direi nada.
non escribín nada.

*

hoxe preguntáronme por min.
por que non escribo.
por que quedei sen palabras.

non dixen nada.
só silencio.
berraba.
nada.



3.10.14

cómeme



el canibalismo 
es una de las manifestaciones más evidentes 
de la ternura. Salvador Dalí.


17.8.14

cartografías


fala
e procúrame entre a esquizofrenia e
a sanación esotérica.
alí onde todo confunde tanto

como o fai o propio xuízo.

fala
e vérsame no silencio da derme
co trazo que limita a imaxe da ausencia

no mapa.

debuxa
os pasos que sigo no sulco do explícito
e bícame cada vez que volvas

para lembrarme que marchas.

*

cando nos saben por dentro,
tocar é o único que permite manter o tacto.
da palabra.
na lingua.


8.11.13

post mortem


Ela nunca soubera do ser nin do etérea que resulta a realidade inscrita nun taboleiro de xadrez, independentemente de quen mova peón. Así, o reflexo del era o que a ollaba agora dende o vidro, namentres ela agardaba a chegada do vórtice da existencia. 
Da propia. Que a allea xa facía horas que caera.

El nunca soubera da capacidade de determinación dela sostendo un coitelo na man. A el nunca lle pertenceran nin o nome nin, moito menos, a súa integridade como muller. Fora por iso polo que a carraxe tornara xénese da razón que a impulsou á acción, polo que o corpo del -e non o dela- ficaba frío no chan. Sorrindo. 

Que para el sempre foran risas os laios alleos, mesmo no momento en que expirou tendido. Consciente, na morte, da vitoria final. Porque aínda que non conseguira suprimila en vida, non ignorou que o faría post mortem.

O baleiro non era o suficientemente grande. Nin para soster o peso do fío inserido no peito del dentro da conciencia dela, nin para calar a gargallada coa que el sempre a borraba. Coa que el sempre a fundía cada vez que botaba por terra os anhelos da ledicia de ser vítima da inocencia. Única ignorancia útil. El sempre mollaba os papeis, rompendo coa humidade as verdades escritas nas que se vía nena. Por iso, cíclica, a ela sempre lle era obriga reintegrarse en si mesma. Recollerse peza a peza.

Como así outras veces, hoxe tamén sería complicado de máis volver ser cohesión dos anacos que lle restaban. Malia a sorte del non ter sido outra que a de pagar polo tempo que a estivera matando, a dela tampouco distaba desa. "O monstro morre, a auga molla, a terra tapa e a ausencia énchese", repetíase dunha e outra volta coa man esquerda tinxida en sangue. Ela sabíao antes de que chegara o furgón policial. Sabía que o ingrávido das reixas só lle afecta a uns poucos.

Aos que a xustiza mira e non ve.


17.8.13

absoluto


nada hay absoluto,

todo se cambia,
todo se mueve,
todo revoluciona,
todo vuela y se va. Frida Kahlo.

*


a Kahlo non lle faltaba razón.

mais o revolucionado,
unha vez ido,
tamén coñece do retorno.

que mo dixo a min o cambio.



16.7.13

peza a peza


ás veces,
é obriga reintegrarse nun mesmo.
ser cohesión dos anacos que nos restan;
heteroxéneo crebado mais incondicional do todo.
recollerse
peza a peza.

*

está ben.
a vida non será perfecta,

senón vivida.





8.7.13

apoplexía póstuma


non non-querer, 
senón querer-non-querer.

aí, mestría do idealismo;
apoloxía do engano a un mesmo.

manifestas,
materialismo substituto na terra
do que Karl lles dixo.

*

prometíanos realidade fundamental.
prometíanos ácratas
do incondicional.

agora,
polisón da falacia en que navega.
da terra,
convicto materialismo categórico.


25.6.13

fillos da grande discordia


non ver.
recursos humanos.

ser eixo do uniforme
a ritmo de valse
por complexo a tres tempos.
arouxo tocar.

un, dous, tres.
un, dous, tres.

usurpar, ser, inmaterial.

pedir que mirar mais que non ver.


difícil mirar sen ver.
sen ver 
as horas que destilar por ver e ter que mirar. 
incriminar, 
tal que do capital o vidro do mirar que,
por ver, 

non tocar. 


30.5.13

ola


non sempre das bágoas esvara auga.
ás veces,
mesmo cae a esperanza.

e ás veces,
só ás veces,
non me atrevo a ler o que as miñas grafías escriben
por medo a que falen.

a que me falen
e o fagan de verdade.

*

a auga molla.
a terra tapa.
a ausencia énchese.
xa sexa tarde ou cedo,

ola ou adeus.

12.5.13

de cando sexamos


de cando a razón é simple e ficción
e, por ficción,
tamén o todo inscrito na ambigüidade.

de cando a negación individual fai da potestade afirmación;
do que vén,
que vai.

de cando me prometan ácrata.
de cando sexamos a negación
que suple o civil da afirmación da dependencia
da supremacía desigual no antagonismo da guerra.
de cando sexamos vicarios da máxima expresión de nós mesmos.

de cando sexamos
dignos de selo;
mesmos. 

dignos do que vén, 
que vai.

profetas.